miércoles, 29 de diciembre de 2010

ESCOLAS E OBRADOIROS DE EMPREGO

Santiago, 28 de decembro.- Un total de 48 iniciativas mixtas de formación e emprego (2 escolas obradoiro e 46 obradoiros de emprego) estanse a poñer en funcionamento durante a segunda quincena deste mes. De feito, todas elas estarán en marcha antes de que remate o ano. En total, estes proxectos contan cun investimento de 21,8 millóns de euros e posibilitarán o acceso a un emprego a 1.200 persoas.

En concreto, nestes proxectos, que funcionarán ao longo de todo 2011, participarán 950 traballadoras e traballadores desempregados –que formalizarán un contrato e percibirán un salario-, así como 250 profesionais que ocuparan postos directivos, de xestión e docentes e que se encargarán da boa marcha de cada iniciativa.

No caso das obradoiros, estes están dirixidos a persoas desempregadas de 25 anos ou máis, que estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. O requisito é o mesmo para os destinatarios das escolas obradoiros, aínda que neste caso están dirixidas a menores de 25 anos. Na selección de persoal, estase a valorar, de xeito preferente, ás persoas desempregadas que teñan esgotadas as súas prestacións.

A formación que reciben é de carácter fundamentalmente práctico, mediante a realización de obras ou da prestación de servizos de interese xeral ou social, que posteriormente facilitarán a integración no mercado laboral dos participantes. De feito, unha porcentaxe próxima ao 80 por cento atopa traballo nun curto prazo de tempo, na mesma especialidade na que se formaron.

Con todo, hai que salientar que ademais da propia formación profesional, durante toda a duración do proxecto proporcionarase aos alumnos traballadores outros contidos formativos, como pode ser a orientación e asesoramento profesional, empresarial e laboral.

Ademais, tamén se lles facilitará educación compensatoria (para aqueles que non alcanzaran os obxectivos da ESO); módulos de seguridade e saúde no traballo; alfabetización informática; e sensibilización medio ambiental e en igualdade de xénero.

A isto hai que sumarlle que se impartirá unha formación mínima ao alumnado que non posúa unha titulación académica requerida para acceder aos módulos formativos que conforman a especialidade na que están participando, un requisito indispensable para poder obter o certificado de profesionalidade.

Deste xeito, estas iniciativas mixtas de formación e emprego cumpren unha dimensión triple: melloran a empregabilidade dos participantes cunha formación teórico-práctica de calidade; o seu traballo permite a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas no ámbito local; e permiten afondar na colaboración institucional entre a Xunta, as entidades locais e as distintas asociacións sen ánimo de lucro que promoven estas iniciativas.

Entre as especialidades que se van impartir, cómpre salientar aquelas relacionadas co medio ambiente, tanto no aspecto de rehabilitación paisaxística como na creación de rotas de sendeirismo, ou mesmo na creación dun parque público para fomentar a educación medioambiental.

Ademais, as especialidades tradicionais como carpintería, cantería e albanelería seguen a contar cunha grande demanda, e están especialmente enfocadas a acondicionar elementos arquitectónicos ou patrimoniais.

A isto hai que sumarlle unha demanda cada vez maior de iniciativas centradas en especialidades como axuda a domicilio ou atención ás persoas dependentes.



No hay comentarios:

Publicar un comentario