martes, 7 de diciembre de 2010

II PGIS (PLAN GALEGO DE INCLUSIÓN SOCIAL)

A Consellería de Traballo e Benestar certifica a 42 empresas como colaboradoras co II Plan Galego de Inclusión Social

As devanditas entidades participan en accións formativas ou ofrecen prácticas a persoas en risco de exclusión social

Os traballadores do plan atenderon este ano a máis de 7.300 persoas

En 2011 a Xunta destinará arredor de 40 millóns de euros ao eido de inclusión social.

Representantes de 42 empresas recibiron esta mañá nun acto na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago, un certificado que as acredita como integrantes da Rede de entidades colaboradoras co II Plan Galego de Inclusión Social (II PGIS).

As devanditas empresas veñen de colaborar no labor dos equipos de Inclusión da Xunta a través do desenvolvemento de cursos de formación, a contratación de participantes no II PGIS, ou acollemento de persoas en prácticas, entre outras actuacións.

Itinerarios personalizados

O II PGIS 2007-2013 está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia e é xestionado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a través dunha rede de 18 equipos comarcais de inclusión sociolaboral e dun equipo máis que traballa con internos do centro penitenciario de Teixeiro.

Os técnicos deses equipos de Inclusión deseñan, para cada unha das persoas participantes no II PGIS, un itinerario personalizado de inserción, un percorrido que inclúe as accións máis idóneas para o seu perfil de entre as que oferta o propio plan. A participación nas distintas accións irá mellorando o seu perfil profesional e, polo tanto, as súas opcións de acceder a un posto de traballo.

Os instrumentos ofertados son principalmente accións preformativas (cursos de competencias persoais, formación en busca de emprego ou alfabetización), accións formativas (formación ocupacional e cursos con compromiso de contratación) e prácticas profesionais en empresas.

En 2010 desenvolvéronse máis de 500 accións preformativas e case 1.500 accións formativas, e unha treintena de prácticas en empresas colaboradoras. Ademais, o labor dos técnicos de Inclusión chegou nestes once meses a 7.312 persoas (3.060 homes e 4.252 mulleres), das que 1.982 se incorporaron por primeira vez ao plan neste ano e o resto xa viña participando no mesmo dende anos anteriores.

Rede de entidades colaboradoras co II PGIS

As empresas que recibiron o certificado que as acredita como membros da Rede de empresas colaboradoras co II Plan Galego de Inclusión Social son, por provincias:

Autoescola Benigno, Autoescola San Martín, Bricoking, Clece, Eulen, Frutas Nati, Gadisa, Gestión Plus, Grupo Leipazaja, Monasterio Cisterciense Santa María de Sobrado, Plaguiber, Tineo Ingeniería, Vipecón e Xuntos 40 na provincia de A Coruña.

Alibos Galicia, Asistencia Social e Limpezas, Autoescola A Mariña, E.I.L. Insergal, Estación de Servicio Roma, Fonsasis Sociedade Cooperativa Galega e Pescados Rubén, en Lugo.

Agrupconsa, Aplicarmetal, Asociación de empresarios do Val da Limia, Aspanas Termal, Auria Axuda a domicilio, Cenco-Eroski Center, Centro de Formación de Hostelería de Ourense, Centro empresarial transfronterizo de Barbadás, Corsan-Corviam Construcción, Seat Celanova Motor e Ser Carballinesa na provincia de Ourense.

E, por último, na provincia de Pontevedra, Bieitonova, Centro de día Botando unha man, E.I.L. Cormo Integral, Geriatros, Hotel Rompeolas, Idades S.L., IESEC, Mondo Ibérica, Simco e Socyser.

Risga

Por outra banda, en materia de inclusión que a Xunta destinará o próximo ano máis de 25 millóns de euros á Renda de Inserción Social e a Axudas de Emerxencia Social. Así, incidiu en que a Administración autonómica garante para o próximo ano o mantemento das axudas da RISGA.

Así mesmo de cara ao próximo ano a Consellería de Traballo e Benestar manterá a partida destinada á rede de albergues, comedores sociais e programas de acollida.



Data:29-11-2010

Fonte:www.xunta.es Consellería de Traballo e Benestar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario