lunes, 10 de enero de 2011

16 BOLSAS DE PROMOCIÓN EXTERIOR & AMPLIACIÓN DO PROGRAMA RE-SOLVE+

Economía e Industria convoca 16 bolsas de promoción exterior para formar especialistas en negocio internacional e apoiar a globalización das empresas galegas

Recibirán formación especializada e realizarán prácticas orientadas á busca de oportunidades de negocio exterior para as empresas galegas, á investigación das posibilidades de cooperación entre empresas galegas e estranxeiras e á detección e captación de investimentos estranxeiros

O obxectivo é facilitar a especialización de novos titulados en comercio exterior e na internacionalización empresarial

O prazo para a presentación de solicitudes polos interesados rematará o día 3 do próximo mes de febreiro.

A consellería de Economía e Industria vén de convocar, a través do Igape, 16 bolsas de promoción exterior que teñen como obxectivo fundamental o de formar especialistas en comercio e investimento internacional e colaborar na internacionalización do tecido empresarial galego. O prazo de presentación de solicitudes polos novos titulados interesados remata o próximo 3 de febreiro.

A consellería de Economía e Industria destina 593.500 euros á convocatoria das 16 bolsas de promoción exterior da convocatoria 2011. As bolsas estarán dotadas cunha cantidade base anual de 19.460 euros que poderá ascender ata 34.000 euros dependendo do país e cidade de destino.

Os bolseiros escollidos no marco desta convocatoria xa publicada no DOG (3 de xaneiro) realizarán, entre outras, prácticas referidas á busca de oportunidades de negocio para as empresas galegas ou á captación de investimentos cara á Galicia. As bolsas terán unha duración máxima de doce meses que poderá ser prorrogada polo Igape por un máximo doutro ano adicional.

O obxecto destas axudas diríxese a formar a especialistas no ámbito internacional á vez que realizan prácticas encamiñadas á captación de investimentos e expansión exterior da empresa galega; as prácticas estarán referidas á detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia, busca de oportunidades de negocio e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, impulsa deste xeito a formación de capital especializado no ámbito da internacionalización, co obxectivo de colaborar activamente, por outra parte, no necesario proceso de aceleración da proxección exterior do tecido empresarial galego, así como nos labores de detección e atracción de investimentos cara a Galicia.

A Xunta de Galicia promove a internacionalización do tecido empresarial galego mediante diferentes vías, entre as que destacan os servizos gratuítos e as bases de apoio específicas para proxectos e iniciativas de internacionalización, que proximamente serán publicadas polo Igape na convocatoria correspondente a 2011; as 11 liñas de apoio convocadas en 2010 mobilizaron 1.400 solicitudes con investimentos ou gastos financiables cifrados en 35 millóns de euros.

A Consellería de Economía e Industria tamén impulsa a internacionalización mediante a colaboración coas Cámaras de Comercio a través do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga); ou mediante iniciativas como o convenio coa Confederación de Empresarios de Galicia para crear unha rede de ata 14 plataformas empresariais no exterior onde poderán completar a súa formación os bolseiros de promoción exterior da convocatoria que agora se abre.

Data:9-01-2011

Fonte:Consellería de Economía e Industria.



Economía e Industria amplía a todos os sectores económicos os apoios recollidos para Pemes no programa re-Solve+

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), ven de aprobar unha modificación das bases reguladoras do programa de respaldo ás Pemes re-Solve+ que amplía a todos os sectores económicos os apoios incentivables agás os relacionados coa exportación e redes de distribución e as actividades do sector do carbón por mor da regulamentación europea. Deste xeito, a Xunta reafirma o seu compromiso para promover a cobertura das necesidades de financiamento das empresas galegas.

O re-Solve+ recolle o impulso da Mesa polo Diálogo Social e substitúe tanto cuantitativa como cualitativamente o re-Solve, e complementa mellor ao re-Brote no marco do plan de garantías impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O programa, como xa se explicou con anterioridade, supera ao re-Solve, ampliando o abano dos potenciais beneficiarios, ás contías máximas dos préstamos amparados e as coberturas das garantías achegadas polas SGR con reaval do Igape.

O re-Solve+ incorpora tres liñas diferenciadas, ao sumar á de circulante habilitada no marco do re-Solve as novas liñas para apoiar o financiamento de operacións de refinanciamento de pasivos ou de ampliacións de capital destinadas a fortalecer a estrutura financeira das pemes, para garantir así a súa competitividade futura.

O re-Solve, como xa é coñecido, amplía por primeira vez ao 100% a cobertura das garantías achegadas polas SGR, sempre cun reaval do Igape polo 25% do risco asumido por estas entidades colaboradoras. No marco do re-Solve, as garantías achegadas cubrían o 90% do risco. Do mesmo xeito, destaca o incremento das contías máximas das operacións apoiadas polo re-Solve+, que poden ir de 3.000 ata 500.000 euros (entre 3.000 e 40.000 euros no marco do re-Solve). Outra das melloras incorporadas no re-Solve+ é a referida aos destinatarios; os beneficiarios agora poden ser os autónomos pero tamén as pemes en xeral, mentres que no re-Solve eran só microempresas e autónomos.

A liña de apoio para operacións de circulante permite mobilizar préstamos comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, con prazo de amortización de tres anos. A liña para refinanciamento de pasivos acolle operacións comprendidas entre os 6.000 e os 300.000 euros, con prazo de vixencia de 5 anos; neste caso, a cobertura do aval da SGR é do 50% e conta co reaval do Igape polo 25% do riso que asume. Polo que se refire á liña para ampliacións de capital, está destinada a apoiar operacións de financiamento comprendidas entre 3.000 e 250.000 euros por socio e 500.000 euros por empresa que amplía capital, e cun prazo mínimo de amortización de 7 anos.

Ademais de achegar garantías mediante os reavais en garantía do 25% do risco asumido polas SGR, na liña de circulante o Igape subvenciona as comisións dos avais formalizados para que non repercutan sobre os beneficiarios das operacións. No programa para apoiar ampliacións de capital, o Instituto tamén subvenciona as comisións do aval e, ademais, achegará unha subsidiación de xuro de, aproximadamente, 1,5 puntos porcentuais.

Data:8-01-2011

Fonte:Consellería de Economía e Industria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario