jueves, 16 de septiembre de 2010

NECESIDADES DO POLÍGONO INDUSTRIAL DE BEGONTE

Begonte, 15 de setembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, mantivo hoxe unha reunión con empresarios do polígono empresarial de Begonte para avaliar o estado deste parque e as expectativas que se observan coa próxima construción de solo industrial de Pacios-Baamonde.

Arias fixo unha valoración “moi positiva” deste encontro, que foi solicitado polos representantes dos empresarios do polígono de Begonte. A delegada territorial comprometeuse a estudar algúns dos proxectos expostos pola delegación empresarial, -que encabezaba o seu presidente, Alberto Seijo-, e avanzou que en outubro acometeranse os traballos de acondicionamento das zonas verdes do parque.

Xestur adxudicou o pasado mes de agosto os labores de desbroce, rasanteo e plantación de céspede e especies arbóreas en 12.700 metros cadrados de zona verde do polígono, traballos que contan cun investimento 34.746 euros.

A delegada territorial valorou a iniciativa dos empresarios begontinos, que se aprecia no dinamismo do polígono empresarial e no crecemento progresivo da actividade económica no concello.

Por outro lado, Arias lembrou que a Consellería de Economía e Industria fomenta a mellora das infraestruturas nos parques empresariais a través dunha liña de subvencións dotada este ano con 3,7 millóns de euros.

O goberno galego, sinalou, “incrementou a contía deste programa nun 250% con respecto a convocatorias similares postas en marcha en anos anteriores, co obxectivo de mellorar a competitividade da oferta de solo empresarial como elemento dinamizador da economía e do emprego local”.

Durante a reunión, a delegada estivo acompañada por un técnico do IGAPE, que explicou aos asistentes as liñas actuación que desenvolve este organismo e que establecen condicións especialmente vantaxosas para os empresarios de Lugo atendendo ao recollido no plan ImpulsaLugo.

Ao respecto, Arias lembrou que “a consultora Deloitte xa está a traballar na elaboración do plan estratéxico que servirá de folla de ruta a este programa”, e que en tanto este non se materializa, “o IGAPE prima aos empresarios que queiran instalarse ou ampliar os seus negocios na provincia de Lugo”.

A delegada fixo referencia á importancia estratéxica que alcanzará Begonte coa construción do novo parque empresarial de Baamonde, que será un polo de atracción para importantes industrias, o que necesariamente redundará en beneficio da economía local.

“A sinerxia entre os dous polígonos –afirmou Arias- e a proximidade de importantes vías de comunicación situarán a Begonte en inmellorable posición para contribuír poderosamente ao desenvolvemento económico da Terra Chá”.
Fonte: Xunta de Galicia

No hay comentarios:

Publicar un comentario