viernes, 10 de septiembre de 2010

PROXECTOS DINAMIZADORES NAS ÁREAS RURAIS

Agader amplía de 3’6 a 12 millóns de euros a dotación das axudas destinadas a proxectos dinamizadores nas áreas rurais

Beneficiaranse destas axudas tanto particulares como agricultores, gandeiros, asociacións, empresas e concellos, entre outros axentes do medio rural

O prazo para xustificar os investimentos amplíase ata o 30 de xuño de 2011, aínda que ha estar executado o 30% do proxecto a 30 de novembro de 2010


Santiago, 9 de setembro de 2010.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), organismo dependente da Consellería do Medio Rural, pola que amplía dende 3,6 ata 12 millóns de euros a dotación orzamentaria destinada a subvencionar proxectos dinamizadores nas áreas rurais.

A aprobación deste importante incremento de 8,3 millóns de euros nos fondos destinados á dinamización das áreas rurais responde a un interese de Agader por favorecer a cohesión económica e territorial do medio rural, fomentado a xeración de emprego e riqueza, propiciando a diversificación da economía rural e contribuíndo a mellorar a calidade de vida.

Tendo en conta que o número de peticións presentadas supera ao de calquera convocatoria realizada con anterioridade, Agader considerou conveniente suplementar a contía das axudas para responder ás expectativas e ao interese amosado polos solicitantes, nun contexto xeral de crise económico-financeira.

Estas axudas enmárcanse no PDR de Galicia (Programa de Desenvolvemento Rural), vixente ata o ano 2013, e están cofinanciadas con fondos europeos Feader. Entre os beneficiarios atópanse tanto asociacións como profesionais da agricultura, a gandería, empresas e concellos, entre outros axentes afincados no medio rural. A finalidade xeral desta convocatoria é favorecer a cohesión económica e territorial do medio rural, fomentando a xeración de emprego e riqueza, favorecendo a diversificación da economía rural e contribuíndo a mellorar a calidade de vida.

Entre os múltiplos obxectivos destas axudas figuran o fomento da creación de microempresas e de actividades turísticas, a dinamización dos sectores industrial e comercial, a revalorización do patrimonio natural e cultural, a execución de obras en concellos rurais, ou o pulo á utilización das novas tecnoloxías.

Ampliación do prazo de execución

Agader resolveu que o día 30 de novembro de 2010 deberá estar executado e xustificado o 30 por cento dos gastos correspondentes a cada proxecto, ampliándose ata o 10 de xuño de 2011 o prazo para xustificar os investimentos subvencionados. Ademais, no caso daqueles cun investimento aprobado inferior aos 30.000 euros ou dos subvencionados no marco de novos retos e proxectos orientados ao aforro enerxético e o fomento das enerxías renovables, será tamén o 30 de novembro de 2010 a data límite para a execución e xustificación final dos gastos.

Fonte: Consellería de Medio Rural
Idioma: Galego

No hay comentarios:

Publicar un comentario